h1

  • Estará ubicado nas consultas externas do segundo andar

  • Non afectará aos pacientes á hora de acceder ao Servizo de Urxencias


Desde que comezou esta crise sanitaria, o Servizo de Urxencias do Hospital Universitario A Coruña (HUAC), dividiuse en dúas zoas claramente diferenciadas para establecer circuítos separados: unha para pacientes con sospeita de COVID19 positivo e outro para patoloxías comúns.


Debido ao aumento do número de pacientes sospeitosos de COVID, que nas últimas semanas pasou dun 25% a un 50%, plantexouse a necesidade de habilitar nun futuro outro espazo para dar asistencia a pacientes “NON COVID19”, que acoden ao servizo de urxencias por outras patoloxías comúns.


O espazo habilitado, cunha superficie de 620m2, estará situado no segundo andar do HUAC, na zona que anteriormente ocupaban as consultas externas, e disporá de boxes de críticos, boxes de primeira atención, consultas para patoloxía de baixa prioridade, áreas de observación e área de tratamento de sillóns, ademais dun fácil acceso ao servizo de radiodiagnóstico, ubicado no mesmo andar.


Nesta área, ubicada no segundo andar, atenderase patoloxía xeral, mentres que no servizo de urxencias do primeiro andar, a atención será para pacientes con patoloxía sospeitosa de COVID 19.


É importante destacar que o acceso de todos os pacientes que acudan ao servizo de urxencias do HUAC seguirá sendo o mesmo, é dicir, accederase pola porta do actual servizo de urxencias, onde se contará cun triaxe para separar un tipo ou outro de patoloxía.​