h1

A Xunta avanzou a adxudicación da Fase 0 do novo hospital público da Coruña e o inicio das obras antes de que remate o ano.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, adiantaron este arranque efectivo das actuacións na súa supervisión hoxe da mellora efectuada nos accesos ao hospital Materno-infantil Teresa Herrera, que forma parte do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Nesta visita, na que tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o xerente da área sanitaria, Luis Verde, o conselleiro de Sanidade explicou que a UTE adxudicataria das obras da Fase 0 presentará a documentación nos próximos 10 días e no prazo dun mes formalizarase o contrato e comezarán as actuacións.

García Comesaña indicou que a Fase 0, licitada en xuño por un investimento de 13 millóns de euros, inclúe a creación dunha nova área de hospitais de día e dunha nova planta de hospitalización, así como a ampliación das camas para coidados intensivos.

O inicio dos traballos posibilitará intervir en varios andares, no primeiro, en concreto na antiga central de esterilización para ampliar os servizos de Farmacia, Urxencias e Mantemento. 

Na cuarta planta, as obras realizaranse nas antigas Urxencias para situar os Hospitais de Día de Oncoloxía, Alergoloxía, Hematoloxía e a Oficina de coordinación de transplantes. 

Ademais, contémplanse obras na quinta planta, na área dos antigos quirófanos, para situar unha nova unidade de hospitalización con 29 camas. Na sexta planta tamén se actuará en quirófanos para situar as Unidades de Coidados Intensivos de politraumatizados e Coidados Intermedios.

Na actualidade o CHUAC conta con tres ucis, distribuídas nas plantas quinta e sexta. O traslado de dúas da planta quinta á sexta permitirá crear un espazo maior, con mellor aproveitamento das zonas comúns. 

Julio García Comesaña salientou que o novo CHUAC será o centro de referencia tanto no ámbito asistencial, ao multiplicar por dous a súa capacidade, como no eido científico, ao permitir  afrontar futuros retos coas mellores ferramentas.

Os conselleiros fixeron fincapé na aposta da Xunta pola sanidade pública na Coruña, a través dunha infraestrutura prioritaria, que contará cun investimento de 418 millóns de euros, converténdose na maior obra pública desta área desde hai moitos anos.

Cómpre lembrar que o Goberno galego tamén reformou e ampliou o ano pasado a área de urxencias do hospital Teresa Herrera, cun investimento de 1,6 millóns de euros.

No marco desta intervención, realizouse unha remodelación integral do servizo, tanto das zonas pediátricas como de adultos, ocupando o espazo que quedou liberado tras o traslado das antigas consultas de oftalmoloxía ao Hospital Abente e Lago. 

Mellora dos accesos
Por outra parte, os conselleiros comprobaron hoxe in situ os traballos executados no contorno do hospital Materno-Infantil e na Lavandería do Sergas da cidade, cunha achega autonómica de máis de 195.000 euros.

Ethel Vázquez explicou que se renovou o firme da vía que rodea o hospital en todo o seu percorrido e se habilitaron 53 prazas de aparcadoiro para dar servizo a pacientes e persoal sanitario.

Adiantou que se está a traballar para dispoñer 20 prazas de aparcadoiro máis, aproveitando o espazo da antiga depuradora a aparcamento. Para isto, construirase unha pequena glorieta e abrirase un treito de vía de dobre sentido que permita que os vehículos que acceden ao Materno desde a entrada da Coruña poidan desprazarse a esa zona.

Destacou que a Xunta está a investir 1 millón de euros na mellora dos accesos dos hospitais públicos da provincia da Coruña. No caso dos centros de Ferrol e do Barbanza, os traballos xa están rematados, e nos hospitais de Cee e de Santiago, estanse a ultimar.

Estas actuacións teñen como obxectivos incrementar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade e a funcionalidade dos centros hospitalarios públicos.

Ethel Vázquez subliñou que o departamento que dirixe continuará sumando á aposta pola sanidade pública, xa que o Consello da Xunta do pasado xoves reforzou a Axencia Galega de Infraestruturas como órgano central de contratación e construción das obras públicas, tendo como prioridade impulsar equipamentos sanitarios.

Enlaces relacionados Enlaces relacionados