h1

O programa de transplante renal de doante vivo do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña acada, a 30 de xuño de 2021, os 354 transplantes.

Isto supón cada ano un 25% do total dos transplantes renais que se  realizan no CHUAC, a segunda mellor cifra a nivel estatal. Do total, 62 foron grupo sanguíneo AB0 incompatible, 27 HLA incompatibles e 7 transplantes cruzados.

Este programa trata de dar cobertura a todo o sistema sanitario galego e máis do 60% das parellas proceden doutros hospitais da nosa comunidade autónoma. 

Na actualidade, o programa de transplante renal de doante vivo do CHUAC é un dos máis activos do país, e para elo require da colaboración e o compromiso de múltiples servizos do Hospital como nefroloxía, uroloxía, anestesia, enfermería, inmunoloxía, psiquiatría, radioloxía, laboratorio, anatomía patolóxica ou o comité de ética.
O programa no CHUAC nace o 17 de xaneiro de 1981

O programa de transplante renal no CHUAC nace o 17 de xaneiro de 1981 coa realización dun inxerto de doante vivo (de pai a fillo). Os primeiros transplantes foron con este tipo de doantes, sendo a segunda transplantada unha nena de 6 anos.

Ese mesmo ano iniciase o programa de transplante de doante cadáver, que poñen en marcha os Dres. González Martín e García Buitrón, do servizo de uroloxía, o Dr. Oliver de nefroloxía, o Dr. Acción e a Dra. Alonso, dos servizos de anestesia e inmunoloxía, respectivamente, ademáis dun grupo de enfermeiras e residentes.

Os resultados son bos dende o seu inicio e a actividade aumenta considerablemente a medida que pasan o tempo, e dous anos máis tarde acádase a cifra de 27 transplantes, centrados xa no programa de doante cadáver.

Dende ese momento, e coincidindo coa creación das oficinas de coordinación de transplantes en todos os hospitais galegos, as cifras non fan máis que aumentar, ao conseguir optimizar todas as posibilidades de obter órganos que van aparecendo grazas ao sistema de obtención de órganos que España exporta ao resto do mundo, acadando en 2018 a cifra récord de 131 transplantes de ril realizados no CHUAC.

Ao longo deste 40 anos de historia os fitos foron moitos:
1985 - inícianse as extraccións multiorgánicas nos doantes. 
1989 - punto de partida do transplante de ril con doantes en asistolia non controlada
2000 - ponse en marcha o programa de transplante combinado de páncreas-ril
2003 - reiníciase o programa de transplante de ril con doante vivo
Entre 2004 e 2007 - realízase un estudio de investigación en xenotrasplante renal
2005 - incorporase a nefrectomía laparoscópica (extracción do ril mediante laparoscopia) no programa de transplante con doante vivo
2007 - ponse en marcha o programa de desensibilización para o transplante renal HLA incompatible, sendo na actualidade o único consolidado a nivel nacional
2008 - comeza a funcionar o programa transplante AB0 de grupo sanguíneo incompatible 

O 31 de decembro de 2016 o programa de transplante renal do CHUAC acada a cifra de 3.000 implantes renais realizados, dos que máis de medio cento son transplantes combinados con corazón, fígado ou pulmón.

Chegados a este intre a cifra total de transplantes renais realizados acada os 3.505.