h1

Distintos profesionais da Área Sanitaria da Coruña e Cee participaron na última convocatoria do programa de Boas Prácticas do Sistema Nacional de Saúde da Subdirección Xeral de Calidade e Innovación do Ministerio de Sanidade, conseguindo que dúas iniciativas foran recoñecidas co Selo de Boa Práctica do Sistema Nacional de saúde.

“APP Risco cero. Saúde sexual e reprodutiva dende o móbil” 

A saúde sexual e reprodutiva incorporouse nos últimos anos aos plans estratéxicos e de calidade das organizacións sanitarias públicas.

Os nenos e nenas acceden ás TIC´s a unhas idades cada vez máis temperás e o seu uso representa unha parte importante da súa actividade diaria.

Para os xoves, neste momento, usar aplicacións (APP´s) é unha forma de obter información e este tipo de recursos non sempre transmiten mensaxes que fomenten actuacións ou hábitos saudables.

A idade media á que los rapaces teñen a súa primeira relación sexual sitúase nos 16,3 años (3 anos antes que os seus proxenitores) e ademais de baixar a idade destas primeiras relacións sexuais, aparecen prácticas de risco que provocan un aumento das enfermidades de transmisión sexual como a gonorrea, sífilis, clamídea e VIH.

Dende a Área sanitaria de a Coruña e Cee, en colaboración co Colexio de Médicos de A Coruña e a escola de Imaxe de Son desenvolveuse unha aplicación APP para móbiles Android como canal de comunicación innovador para a información e a promoción da saúde sexual entre os xoves, que foi recoñecida co selo de boa práctica do Sistema Nacional de Saúde.

Esta APP pretende ser unha ferramenta para mellorar a capacidade de chegar aos mozos e mozas e trasladar unha información fiable e baseada en guías clínicas sobre métodos de anticoncepción, prácticas sexuais seguras e como evitar as enfermidades de transmisión sexual.

“Proceso asistencial integrado de seguimento de saúde xinecolóxica”

Do mesmo xeito, e tamén recoñecida co selo de boa práctica do SNS, o obxectivo do proceso asistencial integrado de seguimento da saúde xinecolóxica, é definir os criterios para seguir a saúde xinecolóxica de mulleres sas e asintomáticas, optimizando os recursos tanto en atención primaria como hospitalaria e achegando o servizo ás mulleres cunha mellor eficiencia na atención.

Dada a dispersión da área sanitaria, este programa permite mellorar a accesibilidade convertendo á muller no centro do sistema.

Das 550.000 persoas ás que dá cobertura a área, preto de 287.000 son mulleres, o que supón un 52% da poboación atendida.

Esta atención integral á muller, abordando distintas perspectivas, como a física, a psíquica, a social, e a súa saúde sexual e reprodutiva, forma parte das actividades de prevención e promoción da saúde de atención primaria e a rede de enfermeiras especialistas en obstetricia e xinecoloxía, que permitiu despregar procesos asistenciais que centralizan nos equipos de atención primaria a asistencia, o que axuda a unha atención directa e próxima, á vez que dá visibilidade á saúde sexual e á promoción da saúde, tendo en conta a contorna social e comunitaria onde se atopa o punto de atención. 

Neste deseño do proceso asistencial, foi clave a participación multidisciplinar e a formación e información aos profesionais de todos os equipos.