h1

O equipo de transplante hepático do CHUAC acaba de realizar o primeiro transplante de fígado utilizando para elo a máquina de preservación que imita a función que realiza o corpo humano e recrea as condicións ideais para que este órgano sobreviva fora do organismo. 

O paciente, un home de 62 anos que sufría un cáncer de fígado, atópase ingresado na unidade de reanimación e o seu pronóstico é bo.

Ata agora, o fígado, unha vez extraído do corpo do doante, podía almacenarse de forma segura durante unhas poucas horas (tempo de isquemia fría). Con esta nova tecnoloxía de perfusión, os fígados sans, e incluso os dubidosos en canto á súa validez, agora poden manterse en mellores condicións evitando os danos que poden producir dende que o órgano é extraído do doante ata que se implanta no receptor.

Equipo tx hepático con maquina perfusión.jpeg

Pie de foto:

De izqda a dcha: María Quirós e Ignacio Rivas (cirujanos) e Meri Blanco e Isabel López (enfermeras).


Este importante avance no tratamento e mantemento do órgano extraído permite aumentar a cantidade de órganos dispoñibles para o transplante, ademais de optimizar os órganos que polas súas características chegarían en peores condicións, podendo afectar de xeito negativo ao resultado final. Os fígados de características dubidosas de doante cadáver, pódense optimizar nesta máquina para que diminúan os danos producidos pola preservación, polo que chegarán en mellores condicións ao transplante

Este dispositivo de nova incorporación fai circular polo interior do órgano unha solución de preservación oxixenada para que as células sufran o menos posible durante o tempo que, o fígado neste caso, permaneza fora do organismo. 

O método tradicional de conservación dos órganos en frío segue a ser a norma habitual. Este dispositivo so seria utilizado en órganos que necesiten unha mellora na preservación polas súas condicións.

Coa incorporación desta máquina de perfusión hepática o CHUAC consegue manter a excelencia dos programas de doazón e transplante de órganos, ademais de situarse como un dos centros con maior actividade transplantadora a nivel nacional.   

No que vai de ano, o número de transplantes hepáticos realizados no CHUAC ascende a 23, cifra similar á acadada por estas mesmas datas do pasado ano.