h1

Unha das maiores preocupacións do Servizo Galego de Saúde é dar a mellor asistencia sanitaria á poboación, cuns elevados niveis de calidade e seguridade para o paciente.

Dentro da política de control de calidade na que se atopa inmerso o Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, a Central de Esterilización obtivo a certificación de AENOR que apoia o sistema de xestión da calidade conforme ás esixencias das normas internacionais como a UNE-EN ISO 9001: 2015.

O alcance do sistema de xestión de calidade definido pola Unidade de Esterilización abarca todo o reprocesamento do material cirúrxico dende o seu lavado, pasando polo esterilizado e
empaquetado, ata a súa distribución, ás áreas cirúrxicas, así como o instrumental utilizado en unidades de hospitalización, urxencias e críticos dos distintos centros que compoñen o CHUAC cumprindo todos os requisitos legais en vigor.

O proceso de implantación do sistema de xestión de calidade consistiu nun conxunto de accións planificadas e lideradas polos servizos de calidade e de medicina preventiva co obxecto de asegurar un produto estéril de calidade e así aumentar a seguridade do paciente. Todos os profesionais involucrados nesta unidade pousen un alto nivel de capacitación e coñecementos, así como unha gran capacidade de traballo, entrega e compromiso. Ademais, realizan cursos e actividades de formación e participan en programas de calidade, obtendo sempre uns magníficos resultados.

Central Integral de Esterilización 

A actual central integral de esterilización, que abarca unha superficie de 800m2, foi construída no ano 2017, conta coa tecnoloxía máis novidosa existente no mercado, e ten unha capacidade de procesado anual superior a 60.000 unidades técnicas de esterilización, equivalentes a 40.000 intervencións cirúrxicas/ano, prestando servizo permanente, as 24 horas do día, os 365 días do ano, a todos os centros da Área Sanitaria da Coruña e Cee.

O conxunto da unidade incorpora equipamento para lavado e esterilización do material coas
máximas garantías de calidade e con material e medios para reprocesar calquera produto sanitario independentemente da complexidade ou esixencias do mesmo, con seguridade para os pacientes e profesionais. Así, conta con lavadoras termo/desinfectadoras con sistema automático de trasferencia de material, lavadoras específicas para material sensible (coma os endoscopios), túneles de lavado, esterilizadores a vapor e esterilizadores de baixas temperaturas (sistemas de peroxido de hidroxeno e oxido de etileno), amáis dunha central de dosificación automática de deterxentes e outra de purificación da auga, e os sistemas de carros de transporte, contedores, mesados e accesorios complementarios.

Este equipamento, que ten as máis altas prestacións existentes na actualidade, xunto co compromiso do equipo de persoas que traballan todos os días na central, e as modernas ferramentas informáticas que aseguran a trazabilidade de todo o proceso, aportan fiabilidade e seguridade nun paso tan sensible como é a esterilización do material, que ten un papel importante na prevención das infeccións no entorno sanitario, seguridade que ven a avalar a recente certificación do sistema de xestión de calidade da Central por unha entidade externa independente.