h1

O luns, día 12 de setembro, 109 alumnos de sexto de medicina incorporáronse á Área Sanitaria de A Coruña e Cee para iniciar as súas prácticas de rotatorio nos distintos hospitais que forman o Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña e nos distintos centros de saúde do Sergas, ata o vindeiro mes de maio. 

A calidade da docencia impartida e a formación e dedicación dos titores, as instalacións hospitalarias ou a avanzada tecnoloxía clínica e diagnóstica do CHUAC son uns dos aspectos máis valorados polos alumnos á hora de elixir este centro hospitalario para completar a súa formación académica.

O acto de benvida aos alumnos, aos que se lles entregou toda a documentación necesaria para iniciar o seu período formativo na Área Sanitaria de A Coruña e Cee, estivo presidido polo xerente, Luis Verde Remeseiro; pola xefa de estudos, Rosario López Rico; e por Juan Carlos Vázquez Barro, coordinador de Docencia Pregrao.

Bienvenida Alumnos Medicina 2022.jpg

O xerente da Área Sanitaria de A Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro, deulles a benvida aos novos alumnos e agradeceulles que tivesen escollido os distintos centros asistenciais que forman parte da Área Sanitaria para completar esta importante etapa de formación, pois nestes “recibirán unha formación de alta calidade, cun equipo docente excepcional e cunha atención moi personaliza e integral”.

O rotatorio é a etapa final da carreira de medicina e cirurxía. Trátase dun conxunto de sinaturas totalmente prácticas que se cursan durante o sexto curso da carreira. Nelas, os alumnos incorpóranse ao hospital e centros de saúde que elixen e nos que realizan esta formación tutelados por facultativos do hospital -profesores asociados da universidade-, formándose en áreas como clínica médica, clínica cirúrxica, clínica obstétrico-xinecolóxica, clínica pediátrica, clínica psiquiátrica, rotación en medicina de familia e comunitaria, e rotación en urxencias, servizos centrais, etc.