h1

Os vindeiros días 17 e 18 de novembro o Hotel Meliá María Pita acollerá unha nova edición do curso de patoloxía de xeonllo que, organizado polo Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, reunirá na nosa cidade aos máis destacados expertos desta disciplina de todo o territorio nacional. 

O curso será inaugurado polo Dr. Pedro J. Marcos Rodríguez, director de procesos asistenciais do hospital coruñés, e polos doutores Ramón Antelo e Benedicto Novoa, xefe do Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía e xefe da Unidade de Xeonllo de dito centro, respectivamente. 

Os temas que se debaterán ao longo do curso dividiranse en catro mesas. Na xornada do xoves as discusións centraranse nas lesións e tratamentos de menisco e de ligamento cruzado, tanto anterior coma posterior. Xa na xornada do venres os expertos debaterán a abordaxe e a revisión das próteses totais de xeonllo, onde destacará a mesa sobre as técnicas cirúrxicas robóticas na patoloxía de xeonllo.


A patoloxía de xeonllo en cifras
O servizo de cirurxía ortopédica e traumatoloxía do CHUAC implanta ao redor de 600 próteses de xeonllo ao ano. A isto hai que engadir as cirurxías realizadas por fracaso ou desgaste da propia prótese, o que supón unhas 100 cirurxías anuais máis.

A incidencia das lesións meniscais agudas é de 61 por cada 100.000 habitantes, e un 33% destas están asociadas a roturas de ligamento cruzado anterior.

En canto a sexos, a proporción homes/mulleres é de 2,5/4. En pacientes con idades superiores aos 65 anos as roturas meniscais de tipo dexenerativo ascende ao 60%.