h1

A pasada semana, o Servizo de Neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, realizou o primeiro procedemento broncoscópico mediante unha nova técnica denominada CRIOEBUS a un paciente con ganglios no mediastino.

A CRIOEBUS utiliza a crioterapia, que é o uso de temperaturas extremadamente frías, para a obtención de mostras de tecido do mediastino a través dun ecobroncoscopio, un tubo delgado e flexible, equipado con tecnoloxía de ultrasons que se introduce a través das vías respiratorias do paciente. Unha vez localizada a área e realizada a biopsia do tecido, retírase a sonda e a mostra é enviada ao servizo de anatomía patolóxica para a súa análise.

A ecografía aporta a visión directa da lesión e de todos os grandes vasos do mediastino. A sonda de criobiopsia, que é introducida na lesión a través do broncoscopio, obtén unha mostra de tecido mediante conxelación, o que mellora o rendemento diagnóstico.

A CRIOEBUS é unha técnica fundamental para o diagnóstico de distintas patoloxías que afectan ao mediastino, fundamentalmente cancro de pulmón, linfomas, metástase doutros tumores e patoloxía de tipo inflamatorio de difícil diagnóstico con outras técnicas.

O procedemento, ademais de axilizar o diagnóstico, evita posibles complicacións postoperatorias ao no ser necesario un acto cirúrxico, realizándose de xeito ambulatorio, mediante sedación e sen necesidade de ingreso, dándose de alta aos pacientes tras un breve período en observación.

Esta técnica, de recente implantación, realízase e moi poucos hospitais do noso pais. O equipo de neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña levou a cabo a realización do primeiro procedemento destas características a pasada semana.

Equipo Unidad Broncoscopia CHUAC.jpg
A crioterapia úsase en broncoscopias para outros procedementos como son as biopsias pulmonares mediante broncoscopia e tamén para resecar lesións dentro do bronquio, pero a toma de biopsias máis aló do bronquio ou do pulmón é algo novidoso, sendo un importante avance para a neumoloxía e a oncoloxía.