h1

Con motivo do acto de benvida da nova promoción de residentes que tivo lugar esta mañá, Luis Verde Remeseiro, xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, suliñou “a importancia que para os centros sanitarios supón a incorporación de novos profesionais en formación que estimulan aos propios integrantes da institución a manterse actualizados, transmitindo as súas experiencias para seguir formando especialistas de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional”.

Ademais de destacar que “entre todos intentaremos formar aos mellores profesionais e para iso ofrecémosvos a oportunidade de vos iniciar e progresar na investigación, xa que contamos con grupos consolidados de excelencia en liñas relacionadas coas enfermidades máis prevalentes, pero tamén as minoritarias. Aquí teredes a oportunidade de desenvolver o voso labor no eido da investigación biosanitaria. Unha organización ou un profesional que non investiga, que non se plantexa preguntas, está abocado a estancarse”.

Este ano, os cinco primeiros residentes que optaron pola especialidade de pediatría na nosa comunidade autónoma elixiron a Área Sanitaria da Coruña e Cee como opción. Ademais, como novidade, unha das especialidades ofertadas e cubertas é a de medicina do traballo. 

Ao acto asistiron, ademais do Xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, o equipo directivo e todo o persoal facultativo dos centros dependentes.
IMG-20230512-WA0038 (1).jpg

A nova promoción componse dun total de 128 residentes (64 prazas de medicina hospitalaria, 39 prazas de medicina familiar, 20 prazas de enfermería, 2 de farmacia, 2 de psicoloxía e 1 de bioloxía) que se distribuirán polos hospitais Universitario A Coruña, Teresa Herrera, Marítimo de Oza, Abente y Lago e os centros de saúde

Os futuros especialistas elixiron este centro sanitario pola súa calidade asistencial, contrastada nacional e internacionalmente nalgunhas áreas, á que se suma o renovado interese pola actividade investigadora, facilitando o acceso dos seus residentes á carreira académica mediante os programas de terceiro ciclo, as novas liñas de investigación en ciencias biomédicas e completando a súa formación coa programación de cursos de materias médicas.