h1

• Este acordo, entre o INIBIC-SERGAS, as Federacións Deportivas e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, permitirá valorar en todo momento a posibilidade de contaxio da COVID-19 ao longo da actividade deportiva

Inicialmente, deseñouse un estudo para valorar a incidencia de SARS-COV-2 na poboación infantil e xuvenil (≤18 anos) que practica fútbol federado, en colaboración coa Real Federación Galega de Fútbol. Trala avaliación favorable do Comité de Investigación Clínica da Coruña-Ferrol, púxose en marcha en toda a Comunidade Autónoma de Galicia e ampliouse a máis deportes.

O estudo finalmente abarca a máis de 180.000 licenzas deportivas federadas (xa que se incluíron outros deportes, ademais do fútbol) e deles, 85.500 teñen entre 4 e 17 anos, o que supón que neste estudo está presente o 27,6% da poboación infanto-xuvenil galega que practica algún dos deportes incluídos no estudo.

Este acordo, entre o INIBIC-SERGAS, as federacións deportivas e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, permitirá valorar en todo momento a posibilidade de contaxio da COVID-19 ao longo da actividade deportiva.

Este proxecto está liderado por Rocío Seijo Bestilleiro, enfermeira do CHUAC e responsable da área de investigación en Saúde Poboacional e Coidados Sanitarios do INIBIC. Como investigadores colaboradores participan Jorge Suanzes Hernández e Sonia Pértega Díaz, da Unidade de Apoio á Investigación do CHUAC-INIBIC, e membros da mesma área de investigación e Javier Rico Díaz, da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, ademais de María José Pereira, xefa do Servizo de Medicina Preventiva do CHUAC. Ademáis compre salientar ao "Grupo de investigación Aprendizaxe e Control do movemento humano en Actividade Física e Deporte" da Universidade de A Coruña, no que participan Rafael Martín Acero, Joaquín Gómez Varela e Dan Río Rodríguez.

Coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, este estudo  tamén lévase a cabo na totalidade das federacións galegas.

“Hai evidencia concluínte de que a actividade física frecuente mellora substancialmente a forma física e o estado de saúde de nenos e novos. En comparación cos nenos e mozos inactivos, os que fan exercicio presentan un mellor estado cardiorrespiratorio e maior resistencia muscular, e unha mellora da súa saúde, menor graxa corporal, un perfil de risco de enfermidade cardiovascular e metabólica máis favorable, unha mellor saúde ósea, e unha menor presenza de síntomas de ansiedade e depresión. 
A limitación da práctica deportiva como consecuencia da pandemia, en poboación infantil e xuvenil e, en particular, as limitacións da práctica deportiva federada, poden ter importantes repercusións na saúde física e emocional deste grupo poboacional, sen documentarse ata o momento a incidencia real do SARS-COV-2 neste ámbito.”

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte destacou o “traballo constante, minucioso, coordinado e consensuado en todo momento con todo o tecido deportivo galego” orientado cara a xestión da pandemia desde o ámbito da actividade física. Neste sentido lembrou que as medidas implantadas con responsabilidade pola Xunta de Galicia desde o inicio da crise contaron con tres ferramentas imprescindibles como os os protocolos, os tests e a máscara. “Os protocolos ordenan, os tests detectan e a máscara, protexe, e este estudo presentado hoxe confirma que as medidas levadas a cabo foron as oportunas”, sentenciou.

Cos datos dos que se dispón ata este momento, pódese afirmar que a incidencia da enfermidade pola COVID-19 é inferior no deporte federado nos mesmos rangos de idade e en ambos sexos que a poboación xeral. Ademais é mesmo inferior naqueles rangos de idade nos que se realizan tests de cribado cada 14 días ao 100% dos deportistas xa na fase de adestramento. Os brotes detectados apenas afectan ao 0,2% dos equipos. Estes datos poñen de manifesto a seguridade dos protocolos e o bo rastrexo na  comunidade que leva a cabo o SERGAS.


SAÚDOS DO GABINETE DE COMUNICACIÓN
DA ÁREA SANITARIA DA CORUÑA E CEE