h1

A Área do Corazón do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña foi unha experiencia pioneira a nivel estatal con relevantes resultados, recoñecidos con importantes premios, tanto no relativo á xestión de recursos como na calidade da asistencia e configúrase como centro de referencia:

  • En cardioloxía para máis dunha terceira parte da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Nalgunhas prestacións como transplante cardíaco é referencia para toda a Comunidade Autónoma.
  • Acreditada como CSUR-SNS para Cardiopatías Familiares, Asistencia integral do neonato con cardiopatía congénita e do neno con cardiopatía congénita complexa e  Cirurxía reparadora do  ventrículo esquerdo e cirurxía reparadora complexa de válvula mitral.
O servizo de cardioloxía atende a área sanitaria da Coruña para todos os procesos cardiolóxicos. Presta apoio ao C. H. Arquitecto Marcide de Ferrol e C.H.U. Lucus Augusti de Lugo, Hospital Comarcal de Burela e ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, cunha oferta que inclúe practicamente todo o abanico de servizos en cardioloxía, o centro é referencia, en función dos procesos, para o norte de Galicia ou toda Galicia.

A docencia é un dos alicerces do Servizo e ten unha longa tradición na formación de médicos especialistas. Actualmente hai 15 MIR en formación. O noso obxectivo é que adquiran os coñecementos e desenvolvan as habilidades técnicas necesarias para a asistencia do paciente individual, pero tamén para os enfoques poboacionais de prevención e promoción da saúde. Paralelamente, consideramos indispensable unha adecuada formación e adestramento en investigación clínica. A oferta docente dentro do servizo compleméntase con cursos de formación continuada, formación de estudantes de Medicina e Enfermería e cursos de actualización.

A investigación científica experimentou unha evolución moi positiva, e iso derivou nunha presenza cada vez maior do servizo en foros científicos nacionais e internacionais. Colaboramos con profesionais de ámbitos moi diversos: medicina clínica, bioloxía básica, xenética, epidemioloxía, enfermería, etc. Formamos parte do INIBIC e da principal rede nacional de investigación cardiovascular: Rede Temática de Investigación Cooperativa en Enfermidades Cardiovasculares- RECAVA-, (Instituto de Saúde Carlos III) desde a súa creación. 

Actualmente esta rede fusionouse con outras dúas (HERACLES E REDISINCOR) para constituír unha única rede cardiovascular (RIC-Rede de Investigación Cardiovascular). Isto permitiu desenvolver liñas de investigación sólidas en cardiopatías familiares, insuficiencia cardíaca e transplante, cardiopatía isquémica e epidemioloxía clínica.