O presidente do Goberno galego visitou esta mañá o laboratorio de microbioloxía do CHUAC, onde se porá en marcha esta iniciativa de Laboratorio de Microbioloxía 4.0

Galicia desenvolverá unha plataforma tecnolóxica para obter diagnósticos microbiolóxicos fiables de calquera patoloxía infecciosa

O proxecto foi concedido antes da aparición do coronavirus e agora cobra especial relevancia para diagnosticar o COVID-19 e outros patóxenos

A Coruña, 6 de maio de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou esta mañá o laboratorio do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde se levará a cabo un proxecto para desenvolver unha plataforma tecnolóxica específica, rápida e totalmente automatizada que permitirá obter diagnósticos microbiolóxicos fiables de calquera patoloxía infecciosa a partir de calquera mostra clínica biolóxica.

Na visita, Feijóo estivo acompañado do persoal do laboratorio, encabezado por Xermán Bou, xefe do servizo de Microbioloxía do CHUAC, que serán os encargados de desenvolver o proxecto, dotado con máis de 6 millóns de euros.

Actualmente estase a tramitar o convenio co Ministerio de Ciencia e Innovación, que autorizou o proxecto antes da aparición do COVID-19. Agora esta iniciativa cobra especial relevancia para diagnosticar o coronavirus e outros patóxenos. Non en van, o diagnóstico dunha patoloxía infecciosa no mesmo día da recepción da mostra ao laboratorio permitirá un diagnóstico certeiro e preciso desde o inicio, cunha diminución do número de probas diagnósticas complementarias, analíticas e tratamentos innecesarios. Nese sentido, Galicia segue traballando na loita contra a pandemia e leva xa realizadas máis de 171.000 probas, das cales case 108.000 son PCR.

Cómpre salientar que a posta en marcha desta iniciativa de Laboratorio de Microbioloxía 4.0 redundará de maneira directa na saúde dos cidadáns, cun diagnóstico ultrarrápido, a través da detección temperá de bacterias resistentes aos antibióticos, optimizando a terapia antimicrobiana e minimizando a aparición das resistencias bacterianas.

Así mesmo, esta iniciativa permitirá o desenvolvemento dunha solución que combine a metaxenómica e a culturómica, xunto cunha plataforma Big Data, para analizar o microbioma humano e o seu impacto na etioloxía de distintas enfermidades. Ademais da creación dun banco pioneiro de microbioma para rexistrar as mostras dos pacientes, e que estará a disposición dos investigadores e clínicos de todo o Servizo Galego de Saúde.

Imaxes relacionadas