h1

Que é?


preeclampsia e tensión arterialA preeclampsia é unha enfermidade que se desenvolve durante a segunda metade do embarazo (por encima da semana 20) e no postparto. Caracterízase por hipertensión acompañada de proteinuria (presenza de proteínas nos ouriños) ou de disfunción de órganos maternos.
A PE aparece nun 2-5% dos embarazos. En 1 de cada 3 casos esta enfermidade aparece antes das 37 semanas de xestación e en 2 de cada 3 casos tras a semana 37.


Síntomas de preeclampsia:

A tensión arterial elevada (maior de 140/90) é un signo de alerta, pero non todas as mulleres que teñen hipertensión van ter preeclampsia, por iso hai que estar alerta se aparecen outros síntomas asociados. Os edemas ou hinchazón, especialmente en pés e nocellos, poden ser comúns nestas pacientes, así como o aumento súbito de peso no embarazo. Tamén a presenza de náuseas e vómitos na segunda metade da xestación ou a presenza de dor abdominal especialmente na zona baixa das costelas. Cando hai cefalea que non mellora tras tomar analxésicos ou cambios na visión (luceciñas flotantes) tamén debemos estar alerta.

Factores de risco de preeclampsia:

Non todas as mulleres teñen o mesmo risco de desenvolver esta enfermidade. Entre os principais factores de risco están: a diabetes, a obesidade, a idade >40 anos, padecer unha preeclampsia na familia próxima (nai ou irmás) ou nun embarazo previo, as técnicas de reprodución asistida como a FIV e tamén diversas enfermidades maternas, entre outros.

Complicacións para a nai e o bebé:

A maior parte das mulleres con preeclampsia non sufrirán síntomas, terán bebés sans e recuperaranse completamente, con todo, unha pequena parte pode presentar complicacións moi graves no seu embarazo. 
Na nai: o aumento de tensión na preeclampsia podería provocar danos en diversos órganos maternos como o ril, fígado e a placenta. En casos graves podería verse afectada a coagulación sanguínea e outros parámetros analíticos, ou provocar situacións que comprometan o benestar do seu bebé dentro do útero sendo necesario en ocasións un parto prematuro para evitalas. 
No bebé: pode verse afectado o seu crecemento e benestar pois provoca unha redución da achega nutricional que se produce desde a placenta. 

​Como podemos detectala a tempo?

A mellor maneira de reducir os riscos é detectala de forma temperá, para iso, o equipo médico aplica unha serie de cribados a todas as mulleres embarazadas nos que se fan unha serie de preguntas na historia clínica, mídese a tensión arterial e/ou se realizan algunhas determinacións de laboratorio. Estas exploracións compleméntanse coa realización dalgunhas ecografías nas que se valora o estado do bebé e tamén a cantidade de fluxo sanguíneo que chega á placenta.
O resultado destas probas permite determinar para cada embarazada o risco personalizado de presentar preeclampsia no seu embarazo e é especialmente útil para atopar a aquelas pacientes que van desenvolver a enfermidade en etapas precoces do seu embarazo (antes das 37 semanas). Por tanto, mediante este cribado somos capaces de detectar (taxa de detección) o 75% dos casos de preeclampsia que aparecerán antes das 37 semanas, cunha taxa de falsos positivos (o cribado será positivo tratándose dunha muller sa) dun 10% dos casos.

Grupo de alto risco de preeclampsia:

A determinación do risco de preeclampsia faise nas consultas de ecografía de primeiro e segundo trimestre do Hospital Teresa Herrera para todas as embarazadas.
Se na túa consulta de primeiro trimestre o teu risco fose alto (maior ou igual a 1/150 no cribado) o equipo médico prescribirache medicación para diminuír o risco, programarache algunha ecografía a maiores do teu seguimento habitual e darache unha serie de recomendacións como controlar a túa tensión regularmente a partir das 20 semanas de embarazo.
O cribado durante o segundo trimestre identifica un grupo de alto risco no cal un seguimento máis próximo mediante control da tensión e a realización de ecografías pode facilitar un diagnóstico precoz e unha redución de complicacións relacionadas con esta patoloxía.
En cada exploración será informada dos controis periódicos convenientes no seu embarazo, dos seus resultados e as súas limitacións. A frecuencia e tipo de exames dependerá das condicións específicas do embarazo. Non dubide en consultar calquera dúbida ou cuestión co obstetra responsable ou con calquera dos médicos do servizo de Obstetricia e Xinecoloxía.