h1

O CHUAC foi premiado co Best In Class como mellor centro hospitalario de alta complexidade de todo o territorio nacional. Ao que hai que engadir os servizos de Farmacia, que dirixe Isabel Martín Herranz, e de Nefroloxía, dirixido polo Dr. Angel Alonso Hernández, que acadaron o primeiro premio, nas súas respectivas categorías, como os millores de España.

Estes premios foron fallados onte pola noite nunha cerimonia que tivo lugar no Palacio de Congresos en Santiago de Compostela.​

Un ano máis, o Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, consegue clasificarse para a final dos prestixiosos premios Best in Class. Este ano, as categorías ás que accedía como finalista, entre todos os grandes hospitais do territorio nacional foron: mellor centro hospitalario de alta complexidade, mellores servizos de farmacia e farmacia hospitalaria en oncoloxía, nefroloxía, microbioloxía, reumatoloxía, dermatoloxía e xinecoloxía e obstetricia, así como ás mellores unidades de tratamento da dor, de atención á psoriase, de hemodinámica e cardioloxía intervencionista, e de coidados paliativos.

Os Premios Best in Class teñen como obxectivo recoñecer públicamente ao mellor centro de atención primaria, ao mellor hospital e a os mellores servizos e unidades do territorio nacional, tanto públicos como privados, que buscan a excelencia na atención que prestan aos seus pacientes. Tanto os gañadores e finalistas forman parte da Guía dos Mellores Hospitais e Servizos Sanitarios que se edita anualmente.

A concesión destes premios baséase na puntuación obtida polos candidatos co Índice de Calidade Asistencial ao Paciente (ICAP), que se establece a partir da análise multivariable dos datos recollidos nos cuestionarios de autoavaliación cumprimentados polos hospitais e centros de atención primaria. O número de indicadores situase entre os 100 e os 150, e entre eles destacan a atención ao usuario, a mortalidade, a taxa de infeccións, ... todo elo en función da especialidade.

Nos últimos 3 anos o hospital xa acadou a posición de finalista como mellor centro de alta complexidade, e o servizo de microbioloxía do CHUAC foi galardoado co premio Best in Class na súa especialidade no 2017.