h1

A área Sanitaria A Coruña- Cee ante o Covid-19
#SOMOSCHUAC

A Coruña, 5 de abril de 2020-. Como todos sabedes a Área Sanitaria da Coruña estase enfrontando a unha situación excepcional de gran impacto sanitario e humano. Todos os profesionais da área estamos a afrontar esta situación de atención excepcional cun extraordinario esforzo, implicación e compromiso, o que está a permitir a día de hoxe que a atención de todos os cidadáns tanto os que acoden aos nosos Hospitais, PAC´s e Centros de Saúde como os que están en seguimento domiciliario préstese nas mellores condicións posibles. 

Para iso estanse utilizando todos os recursos humanos, materiais e de infraestrutura dispoñibles para atender aos pacientes, e estanse adoptando permanentemente accións de reordenación de espazos, recursos e circuítos para unha mellor organización da actividade asistencial, adaptándoos ás necesidades priorizadas en cada momento.

Para poder afrontar esta situación realizáronse 336 contratacións de distintas categorías laborais desde o 1 de marzo e continúanse sumando novas incorporacións a distintas áreas do hospital. 

Nesta situación o HUAC disporá ó redor de 156 camas de críticos en distintos espazos como unidades de reanimación, UCI´s e bloque cirúrxico da 3ª planta, ademais das dúas novas UCIS que se construiron nos antigos quirófanos das plantas 5ª e 6ª. En canto a Hospitalización o HUAC xa dispón de 462 camas para pacientes COVID. 

Para asegurar a seguridade do paciente, o servizo de Urxencias desdobrouse desde o primeiro momento en dúas zonas para atender pacientes COVID e NON COVID, pero nos últimos días deuse un paso máis coa creación, por se chegado o caso fose necesario, dunha nova urxencia NON COVID nas consultas externas da segunda planta, dotado como calquera outro Servizo de Urxencias de primeiro nivel. Desta maneira a área de atención ao paciente COVID ocupará todo o espazo do actual servizo de urxencias que conta tamén cun equipo de radioloxía portátil.

En canto ao diagnóstico, a día de hoxe xa se fixeron 5.890 PCR´s no laboratorio de microbioloxía que traballa 24/7. O laboratorio central proporciona o 80% dos resultados en menos dunha hora.  Ademais, implantouse a toma de mostras a domicilio e o Covid-auto.

Tamén se puxo en funcionamento a Plataforma de asistencia domiciliaria integrada cos sistemas de información corporativos que facilita o acceso telemático do paciente a diversos servizos asistenciais e permite o control asistencial de pacientes COVID positivo que non requiren ingreso hospitalario e poden ser seguidos no seu domicilio polo seu equipo de atención primaria.

A unidade de apoio aos profesionais para resolver as dúbidas xurdidas antes esta nova situación, así como o programa de apoio a psicolóxico tanto para profesionais como para pacientes, son outros dos Programas que se puxeron en marcha para apoiarnos uns a outros nesta situación.

Ademais, xa estamos a traballar na posta en funcionamento dunha infraestrutura extra hospitalaria en Expo Coruña (CHUAC-IFECO) por se chegado o caso fosen necesarias máis camas de hospitalización. 

Co apoio de distintas Institucións como Diputación da Coruña, Concello, UDC e Colexio de Médicos, xa están en funcionando outras iniciativas como o programa que se está levando a cabo no Pavillón de Riazor convertido nun albergue provisional para persoas sen fogar no que médicos de atención primaria fan seguimento a persoas alí aloxadas, o Programa Senior mediante o cal  médicos xubilados prestan o seu apoio, a residencia universitaria Elvira Bao para aloxar a profesionais que por distintos criterios prefiren non volver á súa casa, etc.

Somos Chuac (Centros e Hospitais Universitarios da Coruña), un referente tanto para Galicia como para o resto de España de vocación e traballo porque os pacientes son a nosa razón de ser, e a súa esperanza, hoxe máis que nunca, a nosa. Grazas, grazas e máis grazas.