h1

O rexeitamento celular agudo é unha das complicacións graves do transplante cardíaco. Para o seu diagnóstico precoz, considérase de referencia a biopsia endomiocárdica, unha proba invasiva e con limitacións á que a ciencia busca alternativas dedicando un esforzo crecente dirixido á identificación de novos biomarcadores.

Neste camiño, investigadores do CHUAC e do CIBERCV acharon unha molécula asociada ao rexeitamento post-transplante e que pode ser de gran axuda no seguimento destes pacientes. O traballo foi publicado na revista científica The Journal of Heart and Lung Transplantation.

O estudo, liderado por Marisa Crespo, médica adxunta do Servizo de Cardioloxía e xefa de grupo do CIBERCV do CHUAC, desenvolveuse en dúas fases. Na primeira buscáronse, entre 179 moléculas,  aquelas diferencialmente expresadas en mostras de soro de pacientes que sufrían un episodio de rexeitamento celular agudo fronte a soros de pacientes sen rexeitamento. Segundo explica Ignacio Constanso-Conde, bioquímico, facultativo do Servizo de Análises Clínicos do CHUAC e investigador predoutoral da Universidade da Coruña, ademais de primeiro asinante do traballo, só unha molécula cumpriu os requisitos para pasar á seguinte fase de validación. “Na fase de validación, esta molécula mostrou estar significativamente sobreexpresada en mostras de soro de pacientes con rexeitamento celular agudo”.

Os  microRNAs, pequenas moléculas, grandes posibilidades
Os microRNAs son pequenas moléculas de  RNA encargadas de regular a expresión  génica. O seu estudo como posibles biomarcadores de numerosas patoloxías incrementouse  exponencialmente nos últimos anos. A gran estabilidade dos microRNAs en todo tipo de mostras biolóxicas (sangue, soro, plasma, saliva,…), xunto ao auxe e abaratamento das técnicas e reactivos de bioloxía molecular necesarios para a súa análise, convértenos en excelentes candidatos a biomarcadores.

Un prometedor biomarcador de rexeitamento celular agudo
“Os resultados deste estudo co miR-181a-5 p son moi interesantes e esperanzadores, xa que poderían evitar un gran número de  biopsias  endomiocárdicas aos nosos pacientes”, comenta a Dra. Marisa Crespo.

E é que esta molécula conseguiu igualar a capacidade diagnóstica do único test non invasivo comercializado para o mesmo fin, e postúlase como un método de screening para descartar o rexeitamento celular agudo en pacientes con transplante cardíaco  asintomáticos, evitando un bo número de biopsias endomiocárdicas de protocolo.
 
Neste sentido, “é necesario, aínda validar estes achados noutros centros hospitalarios e con máis pacientes para confirmar a utilidade deste biomarcador e incorporalo ao uso clínico”, apuntan os investigadores.

CIBERCV
O  CIBER (Consorcio Centro de Investigación Biomédica en Rede,  M. P.) depende do Instituto de Saúde Carlos III –Ministerio de Ciencia e Innovación– e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O  CIBER de Enfermidades Cardiovasculares ( CIBERCV) fórmano 40 grupos de investigación seleccionados sobre a base da súa excelencia científica pertencentes a 24 institucións  consorciadas. O seu traballo articúlase ao redor de 6 liñas de investigación enfocadas nos principais desafíos da saúde cardiovascular, con 4 programas lonxitudinais (dano  miocárdico, enfermidade arterial, insuficiencia cardíaca e  cardiopatías estruturais) e 2 programas transversais (biomarcadores e plataformas, e  epidemioloxía e prevención cardiovascular).