h1

A Unidade de Hepatología do servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario da Coruña recibiu o Selo de Calidade en Información ao Paciente con Hepatocarcinoma.

O selo de Calidade en Información ao Paciente con Cancro de Fígado é un distintivo desenvolto pola Fundación de Ciencias do Medicamento e Produtos Sanitarios (Fundamed) e a Asociación Española para o Estudo do Fígado (AEEH) que acredita ás unidades de Hepatología de España que cumpren os maiores estándares de calidade en relación á información que recibe o paciente. Este recoñecemento ademais, conta co apoio de Bayer e a colaboración da Alianza Xeral de Pacientes (AGP).

A través deste recoñecemento distínguese a correcta prestación da asistencia sanitaria, onde se inclúe o deber de información e de documentación clínica por parte dos profesionais sanitarios. A existencia dun Comité Multidisciplinar de Hepatocarcinoma, constituído por hepatólogos, cirurxiáns, radiólogos, oncólogos e anatomo-patólogos, garante que as decisións tomadas sexan transmitidas ao paciente e os seus familiares.

As características mínimas de calidade que debe reunir a información asistencial, que servirá para facilitar a toma de decisións por parte dos pacientes, son a veracidade, a comprensibilidade e tamén a adecuación da información á situación individual de cada un deles.

Que é o hepatocarcinoma?

O carcinoma hepatocelular (CHC) é a neoplasia primaria hepática máis frecuente. Constitúe o sexto tumor máis habitual no mundo, con máis de 500.000 casos diagnosticados cada ano e é a cuarta causa máis común de morte por cancro. No noso país ocupa o décimo lugar do global de cancros e é a sétima causa de morte por esta patoloxía.


O hepatocarcinoma afecta, de maneira case exclusiva, a pacientes con hepatopatía crónica que desenvolveron cirrosis, especialmente a relacionada cos virus da hepatite B e C. Nos últimos anos, asístese a un incremento notorio da incidencia nos pacientes afectos de esteatosis hepática metabólica (fígado graxo) relacionada co sobrepeso - obesidade.


O diagnóstico en fases temperás permite instaurar tratamentos "curativos" como a resección ou o transplante. De aí a importancia dos programas de cribado mediante ecografía semestral nos enfermos cunha hepatopatía evolucionada.