h1

Esta xornada estivo dirixida aos futuros especialistas en formación que están a elixir centro para cursar a súa residencia e que buscan un centro de calidade onde formarse como especialistas.

A Comisión de Docencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee organizou por quinto ano consecutivo a xornada de portas abertas para poñer en contacto aos futuros residentes, cos titores e residentes deste centro sanitario, e ofrecerlles unha primeira visión dos aspectos asistenciais, docentes e de investigación, que o centro pon á súa disposición.

Este encontro, no que participaron máis de 110 rapaces estivo dirixido aos futuros especialistas en formación que están a elixir centro para cursar a súa residencia e que buscan un centro de calidade onde formarse como especialistas, onde existen uns excelentes profesionais comprometidos coa súa formación, un hospital de alta complexidade cunhas instalacións renovadas, a tecnoloxía máis moderna e un Instituto de Investigación Biomédica ademais dun Centro Tecnolóxico de Formación.

A Presidenta da Comisión de Docencia da Área Sanitaria, Rosario López Rico e a Presidenta da Comisión de Docencia da Unidade Multidisciplinar de Medicina de Familia e Comunitaria, Nieves Domínguez González, reuníronse cos residentes e informáronlles sobre os plans de formación e as especialidades acreditadas que se imparten nos distintos centros que forman a Área sanitaria da Coruña e Cee.

Como complemento, dedicouse un espazo para informar sobre a formación complementaria como xornadas, sesións e cursos, que de forma habitual se imparten no Hospital e que aportan outras perspectivas na formación continuada e que completa un proceso que inclúe valores, competencias e destrezas. Estes temas, do mesmo xeito que aspectos sobre a comunicación co paciente e os seus familiares, permiten aos residentes relacionarse con disciplinas que lles aportan unha visión global, xa que aúnan contidos de carácter social, ético, sanitario e ambiental.

Ademais, participaron residentes que se atopan formándose nas distintas especialidades do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña e nos centros de Atención Primaria da Área, que serán os que mellor poidan aclarar as dúbidas suscitadas polos posibles candidatos, contribuíndo así a mellorar a súa información á hora de escoller o mellor centro para a súa futura formación.

Para rematar, os titores de cada especialidade guiáronos nunha visita á Unidade Docente correspondente para aclarar as súas dúbidas.