h1

A Fundación Mutua Madrileña entregou as súas XIX Axudas á Investigación en Saúde, dotadas de dous millóns de euros, a 21 estudos clínicos que se desenvolverán en hospitais de toda España. Catro deles levaranse a cabo en centros da nosa comunidade autónoma, en coordinación con equipos de toda España, nas áreas de enfermidades raras infantís, cancro de pulmón e traumatoloxía, recibindo unha financiación total que supera os 370.000 euros.

Dous dos estudios galegos serán colaborativos. Isto é, lideraranos desde centros de Galicia, pero neles intervirán ata 11 equipos de centros de toda España. Co fomento deste tipo de investigacións, que teñen unha dotación propia dentro da Convocatoria de Axudas á Investigación en Saúde da Fundación Mutua, esta pretende fomentar a busca de sinerxias e o traballo cooperativo a distancia, co obxectivo de lograr resultados mais consistentes. 

Un dos dous estudios galegos colaborativos, o que atinxe á area de oncoloxía, que coordina a Dra. Marina Paradela, cirurxana torácica do CHUAC, dende o INIBIC de A Coruña, avaliará a mellor técnica cirúrxica mínimamente invasiva para operar o cancro de pulmón mediante un estudo prospectivo no que participan equipos de Barcelona, Sevilla, Madrid e Valencia. “O estudo é multicéntrico co obxectivo de obter un tamaño mostral suficiente que permita comparar as tres técnicas cirúrxicas diferentes que existen para dividir o pulmón na cirurxía do carcinoma pulmonar non microcítico e deste xeito evitar que a variable <cirurxán> sexa un factor de confusión. Para este estudo escolléronse hospitais de España con ampla experiencia en cirurxía videoasistida, de tal xeito que as conclusións podan ser representativas a nivel nacional", sinala a Dra. Paradela.

Outros estudos galegos participantes
Na área das enfermidades raras, un equipo do IDIS en Santiago, buscará novas dianas moleculares para tratar unha enfermidade rara, a cistinose infantil. Outro equipo, tamén de Santiago, utilizará a impresión 3D para mellorar a formulación dos medicamentos e facilitar a súa inxesta aos nenos e nenas afectados. Por último, un equipo do CIMUS, validará unha nova diana molecular para o diagnóstico do traumatismo craneoencefálico, unha das principais causas de morte e discapacidade a nivel mundial. 

Entrega das axudas
A entrega da súa XIX Convocatoria de Axudas á Investigación en Saúde celebrouse en Madrid, onde a investigadora galega recibiu a axuda de mans do Conselleiro de Saúde da Comunidade de Madrid, Enrique Ruiz Escudero, e o presidente do Grupo Mutua, Ignacio Garralda e o presidente do Comité Científico da Fundación Mutua Madrileña, o Dr. Rafael Matesanz.