h1

ictus1

ictus2

ictus3

A Coruña, 28 de outubro de 2022.- En Galicia prodúcense ao redor de 7.000 novos casos de ictus cada ano, polo que esta doenza incluíuse no Plan de Prioridades da Consellería de Sanidade porque é unha das causas de mortalidade na Comunidade Autónoma; unha das patoloxías que causa máis anos de esperanza de vida perdidos; unha das doenzas que ocasiona máis perdas de anos de vida axustados por discapacidade; e unha das causas de morbilidade hospitalaria; e, por último, supón a primeira causa de discapacidade permanente na idade adulta. 

Coincidindo co dia Mundial do ICTUS, a Área Sanitaria da Coruña e Cee, habilitou para este día unha mesa informativa onde profesionais sanitarios deron información a cerca desta doenza a todas aquelas persoas que se achegaron ata a planta 4ª do centro sanitario.

Funcionamento do Plan
O Plan require unha estreita colaboración entre os servizos de emerxencias médicas, os centros de atención primaria, os hospitais comarcais, e os centros de referencia.

Neste sentido, cando unha persoa sufra algún dos síntomas de ictus, deberá chamar ben el ou ben algún acompañante ao 061. Os síntomas principais resúmense en tres F´s: Fala (non ser capaz de dicir correctamente palabras simples), Forza (non poder elevar os brazos á mesma altura máis de dez segundos) e Faciana (non mostrar todos os dentes ao sorrir).

Nese momento, o médico deste organismo confirmará a existencia do ictus a través do protocolo específico, activará un código ictus e unha ambulancia recollerá ao paciente para o seu traslado ao hospital máis próximo, mentres a central do 061 avisa da súa chegada. Unha vez no hospital, terá acceso prioritario ao Servizo de Radioloxía do centro, onde se lle fará un TAC craneal de diagnóstico.

Se o hospital ao que é trasladado o paciente non dispón de neurólogo de garda, os médicos de urxencias contactarán co Centro de Atención ao Ictus, que estará dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano. A través de videoconferencia co neurólogo do Centro de Atención ao Ictus, este poderá examinar á persoa mediante unha cámara web de alta resolución, interrogalo e interpretar o TAC que se lle realizou. Logo desta avaliación, naqueles casos que polas súas características sexan susceptibles de fibrinolise, esta medicación será administrada no propio servizo de urxencias. A través da avaliación decidirase tamén se o paciente é candidato de ser trasladado a un hospital cunha unidade de ictus -en Galicia hai tres, na Coruña, Santiago e Vigo- e/ou para a realización dunha trombectomía. O traslado farase no menor tempo posible e, unha vez alí, valorarase se o paciente é candidato á realización de dicha trombectomía mediante neuroloxía intervencionista co obxectivo de recanalizar a obstrución que está producindo o ictus.

Nesta liña o subproxecto de Innovasaúde Central de Imaxe Médica é o que permite que as imaxes radiolóxicas estean dispoñibles con alta calidade diagnóstica para todos os profesionais do Sergas con competencias, independentemente de onde esta se xere. 


Tipos e factores de risco do ictus 
O ictus é unha enfermidade producida por un trastorno brusco da circulación cerebral que altera o funcionamento dunha ou varias áreas do cerebro. A interrupción do fluxo sanguíneo provoca unha diminución da achega continua de osíxeno e nutrientes que precisan as neuronas para poder desenvolver as súas funcións. 

Existen fundamentalmente dous tipos de ictus: o isquémico é o máis frecuente e prodúcese pola obstrución ou taponamento dun vaso, que impide que o sangue chegue a unha ou varias áreas do cerebro. Se esta situación mantense no tempo, pode quedar unha lesión permanente na rexión afectada. O segundo tipo é o hemorráxico, aínda que é menos frecuente. Orixínase como consecuencia da ruptura dun vaso dentro do cerebro ou nas súas envolturas e causa unha hemorraxia cerebral.

Esta patoloxía é o resultado da confluencia dun determinado estilo de vida e de circunstancias persoais. Os factores de risco máis importantes son a idade avanzada; a hipertensión arterial; a dislipemia (colesterol e outros lípidos aumentados); a diabetes mellitus; as arrítmias cardíacas, especialmente a fibrilación auricular; o consumo de tabaco, alcohol e drogas; a vida sedentaria e o sobrepeso.

O ictus preséntase de forma brusca e inesperada. Constitúe unha emerxencia médica que require dunha intervención inmediata para realizar o diagnóstico e o tratamento, porque canto máis tempo dure a interrupción do fluxo sanguíneo cara o cerebro, maior será o dano.