h1

  1. Os consellos asesores de pacientes de área reuniranse polo menos unha vez ao ano. Así mesmo, reuniranse cantas veces o considere necesario a persoa titular da presidencia, por iniciativa propia ou da terceira parte dos membros de cada consello asesor.
  2. A convocatoria de cada reunión e a documentación que se una, remitiranse ao enderezo de correo electrónico que deberá indicar previamente cada membro do consello. A secretaría adoptará todas as medidas necesarias para a protección dos datos persoais de acordo coa normativa vixente na materia.
  3. De cada reunión que se realice levantarase unha acta na que se recollerán, de forma breve, as persoas asistentes e darase conta dos asuntos tratados e os acordos adoptados.
  4. En todo o non previsto nesta orde, aplicaranse supletoriamente as previsións contidas nas disposicións que resulten de aplicación, respecto dos órganos colexiados, da Lei 16/2010, do 17 de decembro e da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou de ser o caso das normas que as modifiquen ou substitúan.
 
Disposición adicional primeira. Incorporación de asociacións de pacientes aos consellos asesores de pacientes de área
  1. Para os efectos de determinar o consello no cal pode integrarse unha asociación de pacientes, seguiranse os seguintes criterios: a) Área sanitaria na cal a asociación ten o seu domicilio social. b) Por petición da persona ou das personas que representen legalmente á asociación, a área sanitaria na cal a asociación teña o maior número de persoas asociadas e/ou, despregue fundamentalmente a súa actividade.
  2. A incorporación aos consellos asesores de pacientes de área terá carácter voluntario e farase por designación da persoa titular da Xerencia de Xestión Integrada logo da solicitude presentada pola persoa ou persoas que acrediten a representación legal da asociación, logo da correspondente convocatoria pública.
  3. Xunto coa solicitude, que será dirixida á persoa titular da Xerencia de Xestión Integrada, achegarase unha copia auténtica dos estatutos da asociación, así como os documentos que acrediten a representación legal da asociación por parte da persoa ou persoas que presenten a solicitude.
  4. A designación das asociacións de pacientes que formen cada consello asesor formalizarase mediante a resolución da persoa titular da Xerencia de Xestión Integrada da área que corresponda, ou órgano que, de ser o caso, a substitúa, e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería competente en materia de sanidade.
  5. No caso do Consello Asesor de Pacientes de Xestión Integrada de Vigo, continuarán formando parte aquelas entidades e/ou asociacións incorporadas a este desde o momento da súa constitución mediante acta do xerente de Xestión Integrada de Vigo do 20 de xullo de 2016, sen necesidade de que teñan que formular nova proposta de adhesión e sempre que non manifesten a súa vontade en contrario.
  6. As asociacións de pacientes en xeral e, en particular, as que teñan un ámbito territorial de actuación superior ao dunha área de saúde, que soliciten a súa integración nun consello asesor de pacientes de área, deberán indicar na súa solicitude, entre outros, a seguinte información:
    • Se forman parte do Consello Asesor de Pacientes de Galicia creado mediante a Orde da Consellería de Sanidade do 22 de agosto de 2011.
    • Os consellos asesores de pacientes de área nos cales solicita a súa integración e aqueles dos que xa forma parte.
    • Nome das persoas que representan a asociación, como vogal e como suplente, en cada consello asesor de pacientes de área dos que forme parte.
 
Disposición adicional segunda. Obriga de informar ao Consello Asesor de Pacientes de Galicia
Os consellos asesores de pacientes de área informarán ao Consello Asesor de Pacientes de Galicia, creado mediante a Orde da Consellería de Sanidade do 22 de agosto de 2011, dos acordos adoptados. Para iso, as secretarías destes remitirán ao dito Consello, dentro dun prazo de dez (10) días naturais contados desde a súa aprobación, a copia de cada unha das actas das súas reunións.
Así mesmo, tamén informarán ao Consello Asesor de Pacientes de Galicia, con carácter previo á súa adopción, acerca de calquera resolución, circular ou instrución que por parte da xerencias das estruturas organizativas de xestión integrada se poidan adoptar e que se deriven dos acordos adoptados polos consellos asesores de pacientes de área.
A Secretaría do Consello Asesor de Pacientes de Galicia co visto e prace da súa Presidencia, poderá, no prazo dun mes, contado desde a recepción da documentación remitida pola Secretaría do Consello Asesor de Pacientes de Área de que se trate, realizar as observacións que considere necesarias, coa finalidade de asegurar a mellor defensa dos intereses dos pacientes, en xeral, así como unha mellor xestión dos recursos postos polo Sistema público de saúde de Galicia ao seu dispor.
A Secretaría do Consello Asesor de Pacientes de Galicia, incluirá na orde do día das reunións do Consello, un punto, relativo á rendición de contas das actuacións realizadas en virtude do disposto nesta disposición.
 
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia