h1

A reforma da Atención Primaria comeza en España no ano 1984. Nesta reforma foi clave a creación de especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria. Cambia totalmente o papel dos médicos, de enfermaría e doutros profesionais no noso sistema sanitario, pasando dun modelo fundamentado nas cotas médicas a un traballo multidisciplinar e en equipo.


É no ano 1986 cando se creou o primeiro Equipo de Atención Primaria (EAP) na Área da Coruña, o Centro de Saúde de Elviña. Este centro atopábase situado na segunda fase do polígono do mesmo nome, nun local de 617 metros cadrados cedido polo Concello da Coruña e precisou una reforma total para a súa adecuación cun presuposto de 16.116.966 pesetas. E tamén na cidade da Coruña cando se inicia no ano 1988 os trámites para a creación de dous novos EAP: o de Adormideras e o de Labañou, e practicamente no existía trazas de reforma no medio rural. 
imaxe1.png 
 
Ademais destes equipos, no Concello de Cambre, atopábase ubicada a Unidade Docente de Medicina Familiar e Comunitaria, por mor da cercanía co hospital, por contar con poboación rural e urbana e pola disposición dos seus médicos xerais por optar por esta nova fórmula de atención. Ante a falta de espazo físico no lugar onde habitualmente pasaban consulta, no baixo da casa consistorial, habilitouse un 1º piso da entrada do pobo “A volta das carrozas”.

A creación dos EAP, significa un cambio profundo nas súas relacións coa Atención Hospitalaria, permitiu que algúns especialistas xerarquizados (Psiquiatría, O.R.L., Xinecoloxía e Obstetricia) se desprazasen aos Centros de Saúde co obxecto de participar en sesión clínicas.

Así mesmo inícianse xa os sistemas de citación previa que tratan de distribuír a demanda asistencial de forma regular entre os distintos días da semana (Circular 13/89 do INSALUD).

imaxe2.png 
 
 
Galicia recibe as transferencias sanitarias do INSALUD no ano 1991 e co desenvolvemento do Decreto 200/1993, de 29 de xullo, de ordenación da Atención Primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, éntrase de cheo na reforma da Atención Primaria. 

Os Servizos de Atención Primaria (o equivalente aos Equipos de Atención Primaria do INSALUD) foron implantándose en toda a área e substituíndo aos antigos médicos de cota que existían fundamentalmente na cidade e os médicos de APD (Asistencia Pública Domiciliaria) na zona rural.


O resultado foi un cambio importantísimo no concepto da asistencia deste nivel asistencial hoxe totalmente consolidado. A apertura de novos centros de saúde e a mellor dotación destes, en recursos tecnolóxicos e humanos, foron os impactos mais notables, xunto coa creación dos Puntos de Atención Continuada facilitou a atención sanitaria urxente no ámbito da atención primaria, asegurando a presenza física dos profesionais nun lugar definido.

imaxe3.png


Estes cambios levaron consigo tamén o desenvolvemento dos programas de formación e reciclaxe dos profesionais, incorporando os nosos especialistas que, como médicos de familia, están especialmente formados para a atención primaria da saúde. Comezase tamén a desenvolver actividades de promoción de saúde e prevención das enfermidades, programas de rehabilitación, control de embarazo e atención ao neno san. A historia clínica en atención primaria comeza a utilizarse de forma masiva e acércanse os medios diagnósticos mediante implantación de novos programas. Así mesmo, a estes Servizos de Atención Primaria engadíronse unidades de apoio (odontoloxía, fisioterapia, farmacia, etc) e pasan a ter docencia en Medicina de Familia e de Enfermaría e participan xunto coa Facultade de Medicina, Odontoloxía e Enfermaría na formación dos futuros médicos.

Ademais xunto coas novas tecnoloxías e a xestión de procesos asistencias fan, nestes anos de intenso traballo e bo facer dos profesionais, unha realidade esta transformación.