Queridos residentes,
Son Rosario López Rico, Xefa de estudos e quérovos dar unha afectuosa benvida á Xerencia de Xestión Integrada da Coruña. Deixades atrás os vosos anos de estudantes para comezar a construír o voso futuro como especialistas.
Agradecémosvos a cada un de vós que nos elixírades, porque o centro onde un fai a súa residencia, imprime un aceno de identidade, de pertenza, que xa non se pode borrar. Espéranvos uns anos de ilusión, de traballo duro, de compromiso coa institución, de lealdade, de estudo, de humildade e respecto ante unha profesión esixente, a profesión sanitaria. Estamos inmersos na era tecnolóxica, sen ela a nosa profesión non podería avanzar e resúltanos imprescindible, pero como dicía Albert Jovell, “estamos a decantarnos claramente pola tecnoloxía e as enfermidades e estámonos distanciando dos enfermos”. Facede do paciente o centro da vosa profesión. Aproveitade ao máximo estes anos de formación, teredes que roubarlle horas ao soño e facede que mirando atrás, xa como especialistas, sintádevos, sintámonos, todos satisfeitos polos logros conseguidos.
A profesión sanitaria sabedes, leva implícitos tres alicerces: asistencia, docencia, investigación, os dous primeiros son un binomio preciso e a investigación será fomentada desde os vosos primeiros anos de residencia. Vou engadir, se me permitides, outros dous alicerces importantes, a humanización e a cooperación que tamén fomentaremos desde a Comisión de Docencia e que consideramos dan valor á vosa formación. Estades nun momento de ilusión desbordante, pero tamén, de medo ante como afrontar o reto. Non estaredes sós, sempre teredes apoio, unha man que vos axude e vos guíe, pero tedes que pensar xa como profesionais, co compromiso de adquirir responsabilidades progresivas, para así ser capaces de ser especialistas competentes e poder asumir os restos que vos deparará esta nobre profesión.
Xa formades parte do equipo.