h1

DISFUNCIÓNS DE SOLO PELVIANO
As Disfuncións do Solo Pelviano (DSP) ocorren cando se altera a función do solo da pelve e pode ter diferentes manifestacións clínicas: incontinencia urinaria, dificultade para ouriñar, prolapso ou descenso de órganos pelvianos percibido como sensación de vulto vaxinal, incontinencia anal (feces ou gases) e outros síntomas relacionados como son a dor pelviana e a disfunción sexual. 
Son moi frecuentes, ata un 46% das mulleres presentan estes síntomas. É moi común a coexistencia de varias disfuncións do solo pelviano nunha mesma muller.
O solo pelviano confórmano o conxunto de estruturas musculares e ligamentosas que se fixan aos ósos da pelve e cuxas funcións son :  
  • Soster os órganos pélvicos (vexiga urinaria, uretra, útero, vaxina, recto e ano).
  • Garantir a continencia urinaria e fecal, permitir ao mesmo tempo a micción e a defecación.
  • Actividade sexual facilitando o coito e a sensibilidade durante as relacións sexuais.
  • Axudar no momento do parto.

FACTORES DE RISCO 
Un dos factores de risco máis importante para desenvolver disfuncións do solo pelviano é o parto vaxinal, xa que cando estas estruturas se estiran poden danarse. Con todo, o propio embarazo tamén é un factor de risco debido ao aumento de presión nesta zona, polo que unha cesárea non sería 100% protectora.
Outros factores de risco son: idade, etnia (máis frecuente en mulleres caucásicas e latinas que en afroamericanas), antecedentes familiares, obesidade, tose crónica e o estreñimiento entre outros.

TRATAMENTO E PREVENCIÓN 
Mellorar os síntomas da paciente con disfunción do solo pelviano é primordial para mellorar a súa calidade de vida. Os tratamentos engloban desde medidas conservadoras ata a corrección cirúrxica e variarán segundo o tipo de disfunción, a gravidade e a afectación da calidade de vida que refira a paciente.
A prevención é un dos alicerces fundamentais. 
  • Os Exercicios de Kegel (correctamente realizados) serven para previr e tratar disfuncións de solo pelviano.
  • Medidas hixiénico- dietéticas: eliminación de irritantes vesicales da dieta (café, alcol, froitas acedas...). evitar o aumento de peso, o estreñimiento, a tose, ou o exercicio físico de impacto.
  • Actuar sobre o parto pode previr as DSP, evitar os partos instrumentados (fórceps, espátulas), protexer o periné durante a saída da cabeza fetal ou realizar unha incisión cirúrxica (episiotomía) para ampliar a canle do parto cando sexa necesario.
  • Dispositivos tipo pesario (que se colocan na vaxina) para mellorar o soporte.
  • Fármacos para evitar o desexo urxente de ouriñar.
  • Intervencións cirúrxicas en casos seleccionados, tanto para o prolapso como a incontinencia urinaria de esforzo.