h1

O Virus do Papiloma Humano (VPH) é a infección de transmisión sexual máis frecuente. A maior probabilidade de contaxio ocorre nos primeiros anos da vida sexual. Estímase que un 80% das mulleres sexualmente activas contactarán con algún tipo de VPH ao longo da súa vida. A idade precoz no inicio das relacións sexuais asóciase a un maior risco de prevalencia. O número de compañeiros sexuais ao longo de toda a vida sexual se correlaciona cun maior risco de infección, estimándose un incremento dun 3-5% para a infección por VPH por cada compañeiro sexual.

A principal vía de contaxio é mediante a penetración vaxinal ou anal, con menor frecuencia a través do sexo oral, ou polo contacto pel con pel e sen penetración da zona xenital.

Máis do 90% destas infeccións son transitorias e resólvense no transcurso dos dous anos posteriores, sen que supoña ningún risco para a paciente. Tras a adquisición do VPH, este pode permanecer inactivo durante un tempo prolongado, polo que a súa detección pode evidenciarse anos despois da transmisión, e por tanto, non é posible determinar cando se adquiriu a infección nin quen a transmitiu.

Entre un 10-15% das persoas que se contaxian co VPH, presentan unha infección persistente ao longo do tempo porque os seus defensas ou sistema inmune non conseguen eliminala. É esta infección persistente o que constitúe o factor de risco principal para o desenvolvemento de lesións premalignas e cancro de colo uterino. Existen diversos factores que contribúen a que a infección se manteña no tempo. Os máis importantes son: tabaquismo, alteracións no sistema inmune (inmunodepresión), outras infeccións de transmisión sexual simultáneas, e tipo de VPH.

Identificáronse uns 40 tipos de VPH que son capaces de infectar a mucosa xenital de ambos os sexos, subdivididos en dous grupos:
  • Virus de alto risco: poden ocasionar lesións premalignas e cancro. Os tipos 16 e 18 son os responsables do 70% do cancro de pescozo uterino.
  • Virus de baixo risco: NON están relacionados co cancro, causan lesións benignas como verrugas xenitais (condilomas acuminados). Os tipos 6 e 11 causan o 90% das mesmas.

As alteracións celulares ou lesións provocadas polo VPH no colo uterino denomínanse SIL (lesión escamosa intraepitelial) ou CIN (Neoplasia Cervical Intraepitelial). Segundo o grao de alteración poden ser: 
  • Lesión de baixo grao (L-SIL/CIN1):  na maioría de casos, estas alteracións resólvense de forma espontánea sen necesidade de realizar ningún tipo de tratamento.
  • Lesión de alto grao (H-SIL/CIN2-3): adoitan ser lesións persistentes, con baixa probabilidade de resolución espontánea e cun risco significativo de transformación maligna.