h1

    • O inmoble funcionará como residencia temporal para o persoal sanitario da área sanitaria coruñesa que loita contra o Covid-19

A Deputación, o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña colaboran para poñer a disposición do persoal sanitario da Área Sanitaria da Coruña e Cee as instalacións da Residencia Universitaria Elvira Bao, na cidade herculina.

O edificio usarase como residencia temporal para o persoal sanitario do complexo hospitalario coruñés que, pola súas situación familiar ou persoal, precisen dun aloxamento alternativo temporal mentres dure a actual crise sanitaria do Covid-19 para aumentar a súa comodidade e intentar diminuir a carga emocional que a situación comporta, sobre todo a aqueles que traballan en primeira liña.

A Comisión de Docencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee é a unidade que xestiona este tipo de soporte e apoio ás persoas que o precisen. Por elo, os doutores Juan Carlos Vázquez Barro e Rosario López Rico, desta Comisión, estableceron contactos co persoal sanitario da área para coñecer as súas necesidades e coordinar esta acción.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o reitor da UDC, Julio Abalde, e o xerente da Área sanitaria de A Coruña e Cee, Luís Verde, acompañados de persoal técnico do CHUAC, visitaron o pasado luns as instalacións do IES Calvo Sotelo e a Residencia Elvira Bao, cedida pola Deputación á UDC como residencia universitaria, para comprobar que se adaptan ás necesidades e organizar esta cesión temporal.

Parte das instalacións da zona de residencia do IES Calvo Sotelo da Deputación xa foron cedidas e están sendo usadas actualmente por unha dotación dos Bombeiros da Coruña, polo que as autoridades decidiron que, co obxecto de minimizar os riscos, o persoal sanitario ubicarase preferentemente na Residencia Elvira Bao, que conta con accesos de entrada e saída propios.
Na Residencia Universitaria, o persoal sanitario disporá dun inmoble totalmente renovado pola Deputación hai apenas dous anos. A residencia conta con 60 habitacións (58 dobres e dúas adaptadas para persoas con mobilidade reducida) que se usarán de xeito individual para aloxar ao persoal sanitario.

As primeiras persoas usuarias da Residencia incorporaranse mañá xoves, 2 de abril. A Deputación da Coruña colaborará ademáis co persoal sanitario contratando un servizo de limpeza e outro de catering que se encargará de suministrar cada día o almorzo e a cea ao persoal médico e de enfermería que se aloxe na Residencia durante o tempo que dure esta crise sanitaria.
A UDC colabora tamén ofercendo servizo de lavandería e INDITEX aportará a lencería das habitacións.

Actualmente, 66 persoas da área sanitaria coruñesa teñen mostrado o seu interese en informarse sobre esta inciativa, á que se incorporarán xa nos vindeiros días, 30 profesionais da área.